El 25 de julio es el día de Galicia y, puesto que nuestro compromiso fundamental es con la cultura gallega, esta entrada estará escrita en lengua gallega. Esperamos que no os cause demasiada molestia.
O día de Galiza xestouse en 1919 por parte das Irmandades da fala, e celebrouse por vez primeira en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1920, hai hoxe cento un anos dese momento, aínda que se demoraría un tempo en estenderse por todo o territorio galego. Nesta festa conmemórase e reivindícase a lingua galega, así como a identidade propia do país e a exaltación dunha cultura que durante séculos foi castigada e perseguida no que Castelao tivo a ben chamar «a doma e castración de Galiza», unha persecución que se deu ata ben entrado o século XIX e que poido rematar grazas aos atrevementos de figuras como Luís Rodríguez Seoane, Antolín Faraldo Asorey e, particularmente, a poeta Rosalía de Castro, figura central do Rexurdimento galego. Non desexamos que este artigo xire arredor dela, pero de mencionada debemos recomendarvos que leades a súa obra –Follas novas é o noso poemario favorito, pero se non vos atrevedes co galego podedes ler En las orillas del Sar, obra fundamental do Romanticismo tardío en castelán.
A celebración do día de Galiza ten un importante carácter reivindicativo. Coincidindo en data coas celebracións do Apóstolo, este día ten lugar a ofrenda a Rosalía de Castro no Panteón de galegos ilustres do mosteiro de Santo Domingo de Bonaval, así como é o día no que se conceden a Medallas de Galiza, unha distinción concedida a persoas ou institucións polos seus méritos en calquera campo social, cultural ou económico. O primeiro dos galardoados foi a título póstumo Daniel Castelao, intelectual e político galego que exerceu como presidente do Consello de Galiza ata a súa morte no exilio en 1950, e desde entón figuras de todas as índoles políticas, culturais e sociais foron premiadas, sendo algúns deles a Universidade de Santiago de Compostela, Anxo Carracedo ou, máis recentemente, a banda de rock Los Suaves.
Tamén é nesta data que se celebren non só os actos institucionais, senón a manifestación do Día da Patria, tradicionalmente o acto máis multitudinario do 25 de xullo, unha mostra do compromiso da sociedade galega coa beleza da súa lingua, a riqueza da súa cultura e o fondo da súa historia. Hoxe é un día para celebrar, reivindicar e confraternizar. Tede todos un moi bo día.